Artesania: Cestería es cultura

Toño González:“Sempre loitei para que a cestería fose tratada como cultura, non como industria”

Apreciar, aprender, reproducir e divulgar a cultura tradicional que atesoura cada peza é o lema de “Toño” González Fernández, o cesteiro do Val, que desenvolve o su labor en Lobeira. É un artesán dos de antes en torno ao cal xira o documental que o verinense con raíces na Baixa Limia Plácido Romero presentará o vindeiro venres no Teatro Principal de Ourense. Toño González é o protagonista escollido por Arraianos Multimedia para facer unha reflexión sobre a realidade do abandono do rural en “Cesteando”.

Como xurdiu a idea de protagonizar este documental?
Plácido Romero, o director, máis eu somos amigos dende fai moito tempo. Gústalle isto e percibe o deterioro da cultura tradicional, os ríos contaminados, os montes cheos de silvas e as autoridades obviando o tema do turismo, que é unha das poucas saídas que pode ter o rural. Falamos e xurdiu. Máis que un documental sobre a cestería, é un relato da miña traxectoria dende que saín da Coruña con 21 anos.

Que é a cestería para vostede?
Unha paixón. Empecei nela fai 35 anos. Era a maneira de vivir no monte e tamén tiña algo de tradición familiar, pois o meu pai era cesteiro. Eu xa vivía na aldea e ía buscando cesteiros para aprender a inmensa riqueza da cestería galega. É a máis grande que coñezo, tanto en formas como en modelos. Daquelas  empecei o meu labor de investigación, que aínda non acabei, e a miña colección, que fun creando nestes anos e agora o meu obxectivo é que non se perda.

Cal é o seu proxecto?
Agora mesmo teño todas as pezas aquí, no que era a corte das cabras, e algunha tamén na casa. Pero non teño espacio nin tampouco é un lugar acesible. Gustaríame atopar un espazo, un baixo ou unha nave na zona, para expoñer tódalas pezas e explicar o seu uso e procedencia, co obxectivo de amosarllas á xente, sobre todo aos nenos,  a nosa cultura, as nosas tradicións, pero sin sair do rural.

E tan difícil é atopar apoios?
Polo visto, si. Eu sei que a xente  valora o meu traballo e tiven propostas para levala ás cidades, pero as autoridades non están a favor do tema do campo. Hoxe, cos recortes, está todo parado. O apoio ás iniciativas culturais está parado e máis no campo. Temos que reivindicar que o campo se nutra de actividades culturais porque, aínda que somos menos, tamén somos persoas.

Cantas pezas ten?
Non o sei, quizás 300. O meu campo de investigación é a cesteria da Gallaecia, teño pezas das catro provincias e tamén do norte de Portugal. Algúns cestos son moi antigos, teñen máis de 65 anos e requiren duns tratamentos especiais que aquí non podo darlles, porque non teño a luz eléctrica necesaria para facer o proceso de conservación (a súa vivenda abastécese de paneis solares). Por iso quero abrir unha escola-museo, para darlle un acabado físico e poñelas en valor.

Pódese vivir da cestería?
Para min a cestería é unha paixón, pero non se pode vivir dela, como tampouco se pode vivir de casi ninguna tarefa campesina. Tamén hai que dicir que o oficio de cesteiro foi sempre un complemento á actividade agrícola. Salvo nalgunhas zonas da ribeira do mar ou nas terras do viño, onde se facían moitos cestos, esta era unha labor de inverno que se preparaba para a casa e para algúns veciños, pero non remunerada. E hoxe en día, tampouco. Eu traballei moito en colexios, que é o que máis me gusta e penso que no que mellor deféndome, pero os recortes acabaron con iso.

E aínda que tamén participo nas feiras, tampouco vendo as pezas porque están tiradas. Non se pode competir con China, nin co plástico. É certo que hoxe hai un novo rexurdimento do oficio para a decoración, pero o descoñecemento inmenso dos nosos valores, fai que non se aprecien os traballos. Tamén existe unha tendencia que vén dende América de ver a cestería como disciplina artística. Eu sempre loitei para que a cestería fose tratada como cultura, non como industria. E sigo niso.

Fuente: LaRegion.es

Entrevista a Toño O Cesteiro en Lobeira 7-1-16
Entrevista a Toño O Cesteiro en Lobeira
7-1-16

1 Comment

  1. José Antonio | |

    Claro que sí, la cestería es cultura y se podría aprovechar de manera turística.
    Un saludo!!

Comments are closed.